Saturday 04 de May de 2024

O Concello de Fene participará este mércores na Asemblea do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade


O Concello de Fene estará presente este mércores 15 de marzo na Asemblea Xeral do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Na xuntanza, que dará comezo ás 11 horas na sede da Fegamp, someterase a aprobación o Plan de actividades para 2017 e tres das edís que participaron no intercambio de experiencias en Mozambique compartirán as súas aprendizaxes. Fene asiste ao encontro como socio da entidade, da que tamén forman parte outros 84 municipios galegos e as deputacións da Coruña e de Lugo. O Concello estará representado na asemblea polo edil do PSdeG-PSOE Joaquín Ayala Garrido.
A cita comezará cun relatorio sobre o encontro da Rede de Mulleres Autarcas de Mozambique ofrecido pola concelleira de Igualdade de Lugo, Ana G. Abelleira; a de Moaña, María Ortega, e máis a de San Sadurniño, Ana B. Gundín, que exporán os resultados da súa participación no evento o pasado setembro. Porén, tamén tiveron a oportunidade de coñecer o funcionamento do municipio de Mandlakaze da man da súa alcaldesa, María Helena Correia, ou de supervisar o proxecto a prol da saúde infantil e materna financiado á Fundação Encontro.

No entanto, a Asemblea Xeral abrirase ofrecendo o habitual informe de situación do Fondo Galego a cargo do presidente e alcalde de Nigrán, Juan González, para pasar logo á aprobación do balance económico de 2016. Darase conta a seguir das últimas altas e baixas de socios e, para rematar, presentarase tanto a planificación coma o orzamento previsto para o presente exercicio, no que a entidade cumpre dúas décadas de andaina.

Deste xeito, o Plan de actividades 2017, titulado “20 Anos a Fondo coa Solidariedade”, inclúe accións de fortalecemento, de sensibilización fronte as desigualdades, de cooperación internacional e de comunicación. Ampliar o número de administracións socias, incrementar a participación e o recoñecemento ou visibilizar o rigor e a transparencia na xestión son algúns dos obxectivos que contempla. Entre as novas actividades, destacan un obradoiro teatral para reflexionar sobre xénero, a exposición arredor dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, o espectáculo de clown sobre fronteiras e refuxio ou a propia conmemoración do vixésimo aniversario.

O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 85 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.